As Medusas, ao Mar

Son o Poeta do Corpo e  son o Poeta da Alma…

Son o poeta da muller non menos que o poeta do home,

E digo que é tan grande ser muller como ser home,

E d igo que nada e maior que ser a nai dos homes…”

Walt Whitman

Os mitos son historias que transmitidas oralmente, explican e/ou xustifican unhas conductas ou situacións determinadas. Coa insistencia e permanencia suficientes,  acaban por ser  tomadas como acontecementos reais polos oíntes, medrando  de forma tal, que rápidamente pasan a ser vox pópuli aceptándose como relatos veraces e incuestionables. Son as formas narrativas das crenzas de cada comunidade, e soen sustentar o seu arraigamento na ambigüedade e na falla de fontes e datos reais, nas contradicións e nas oposicións. A través do mito, pódese transmitir unha gran variedade de valores que moitas veces son positivos e didácticos. A través deles explicáronse  as culturas, a natureza, a humanidade e principalmente as relixións. Máis tamén poden intencionadamente transmitir valores moi negativos e dañinos, dependendo da intención coa que se crean. Estes últimos soen nacer no seo dos grupos que ostentan o poder social e que pretenden a través deles xustificar e promover conductas de sometemento e control da poboación, que doutra forma serían probablemente contestados. A permanencia destes mitos apóiase en supostos falsos e degradantes para  pobos,  razas, culturas, relixións e grupos como no caso das mulleres, sendo moi difíciles de desmontar, precisamente pola ausencia de autor determinado e pola rapidez coa que se estenden.

É ben sabido que a muller históricamente foi negada, anulada e aniquilada polas sociedades patriarcais, de tal forma que, en Europa, careceu dos dereitos humanos máis básicos ata ben entrado o século XX cando as voces do Feminismo foron tan fortes que derribaron por fin a prohibición do dereito ao voto. Foi o principio da batalla e somentes a punta do Iceberg. Iso sabémolo moi ben aquí, onde  fai menos de 50 anos, as nosas aboas tiñan que pedir a firma dos  maridos para ir ao banco, ou para ir de viaxe. As mulleres do mundo traemos unha mochila cargada de atributos nada fermosos que adornaron aos mitos mentirosos que sobor de nós se verteron, e cuxa presenza deambula aínda hoxe polo imaxinario colectivo, alimentados polos estractos do poder máis conservador e machista, que segue querendo dominar e someter, e que debatiron sobor da existencia da alma feminina: variables, caprichosas, indecisas, malas, bruxas, histéricas, frías, falsas, mentireiras, carentes de intelixencia, insaciables, débiles, torpes, víboras…foron algunhas das lindezas que nos acompañaron ao longo da historia ás mulleres en todas as culturas.

Na actualidade do noso entorno, como consecuencia dunha crecente conciencia e sensibilidade social, instauráronse en España e en Galicia unha serie de medidas xudiciais de protección da muller contra a violencia machista, que supuxeron un cambio de importancia incuestionable no recoñecemento da situación real de desprotección e indefensión na que as mulleres se atopaban. Ao mesmo tempo, fóronse creando novas historias baseadas en falsas crenzas e apoiadas pola forte tradición patriarcal, que deron  luz a novos mitos. Mitos que foron medrando paradóxicamente a medida que as leis se foron facendo cargo da situación tan grave na  que se atopaban e atopan as mulleres.

Foi máis concretamente a Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (Boe 313 de 29/12/2004), a que  provocou a furia dun sector da sociedade que con mentiras asasinas trata de xustificar o seu rexeitamento á dita lei alegando que é discriminatoria para os homes que se ven en situación de indefensión, dando vida a un novo Mito, ao que chamo o Mito das Mulleres-Medusa, e que corrobora a coexistencia de contravalores en canto ao Feminismo é a Igualdade entre mulleres e homes, o que fai, se cabe, máis urxente e necesario seguir traballando dende o Estado, as Leis e as institucións educativas para acadar unha sociedade igualitaria e libre de calquera tipo de violencia.

As Mulleres-Medusa son seres que gozan con perseguir, aniquilar e devorar homes.  Mulleres que se alimentan das pobres vítimas ás que lle chuchan ate a alma. Mulleres crueles que afastan  aos homes dos fillos, que cuspen veleno, que matan lentamente aos homes, ata deixalos cadabres, sen diñeiro, sen teito e sen familia.  Son mulleres que baixo aspecto normal agochan os anceios máis despiadados. Son frías como o xeo, calculadoras e vingadoras. Cóntanse historias  terroríficas de homes que nos últimos anos foron denunciados por estas mulleres, e que inocentes, caíron  para sempre no abismo do sufrimento, despoxados de todos os bens materiais e arrincados do amor dos seus fillos aos que endexamáis poideron ver. Agora, estes homes son almas perdidas que non atopan consolo e contan as súas vivencias para que os homes do mundo teñan moito coidado de cair  presas nos tentáculos destas mulleres, porque están por todas partes.

Este novo mito, caracterízase pola xeneralización desta muller, pois non está en ningún lugar especial nin se agocha nas fragas. Está presente na sociedade. É unha muller casada e con familia, traballa fóra e/ou dentro da casa, e non pertence a unha clase social determinada, senon que podería dicirse que se trata da maioría das mulleres, que no fondo, están cheas de malos sentimentos, de avaricia e de crueldade. Unha das principias características desta Muller-Medusa é que busca sempre facerse con todos os bens materiais do home. Poseer e enriquecerse é o seu principal obxectivo e para elo, pon en marcha as súas estrategias máis velenosas. Curiosamente, estamos ante un mito de vitimización do verdugo, que se achega a femme fatale do cine dos 50 americanos, mais neste último atopamos que se trataba de mulleres especiais, singulares, mentres que no actual mito, son case tódas as mulleres as que son medusas, coma os bancos que se achegan as orillas do mar, aos que todos temen.

Os estereotipos e tópicos que se crean a partires destas falsas crenzas están moi presentes no cine e nos medios de comunicación, que moitas veces os seguen transmitindo de forma máis ou menos sutil. Series televisivas, documentais e longometraxes promoven o mellor e pior da sociedade, e no caso que nos ocupa, aínda sendo certo que dende fai décadas se está tratando a violencia contra a muller dunha forma máis  respetuosa, hai que destacar a presenza de non poucas series televisivas e filmes que seguen sendo canles de mensaxes machistas e conservadores que transmiten valores discriminatorios e degradantes para as mulleres.

A violencia machista contra as mulleres non é un mito. Os malos tratos e o asasinato están presentes todos os días na nosa sociedade. E as mulleres necesitan todo o apoio e a protección posibles dende o Estado e a sociedade en xeral para defenderse e protexer a vida. É algo moi serio, tanto, que un estudo realizado por un grupo de expertos e expertas do CGPJ (Consejo General del Poder Judicial) para analizar a aplicación da Lei de Protección Integral polas Audiencias Provinciais, editado en setembro de 2009, viu necesario destacar que de 530 sentencias que integraron o estudo, solo existe unha susceptible de ser encadrada como falsa, e podendo estar aberta a outras interpretacións.

Así o deixa moi clariño Inmaculada Montalbán Huertas, Vocal do CGPJ e Presidenta da Comisión de Igualdade e do Observatorio contra a Violencia de Xénero:

O estudo efectuado … permite concluir que as afirmacións que, en determinados sectores, se efectúan a propósito de que as mulleres que denuncian delitos de violencia de xénero fano en falso carece do máis mínimo fundamento, tanto na pretendida xeneralización das denuncias falsas que xustificarían consideralo como un fenómeno extendido como, incluso, en canto suposto dotado dunha mínima relevancia singularizada … Efectivamente, das 530 reslolucións estudiadas, exclusivamente unha, equivalente a un 0,19% do total, refírese directamente a un suposto que podería encuadrarse en este ámbito, sen perxuizo de permitir outras lecturas posibles” (px. 88 do estudo citado).

A isto hai que engadir o que, segundo Vicente Magro, presidente da Audiencia de Alacante e coautor do informe do Poder Xudicial, é un dos problemas de fondo da sustentación desta utilización  do mito, sucedendo que a metade das denuncias non chegan  a xuízo ou non seguen a diante porque os maxistrados non atoparon suficientes probas de cargo en contra do agresor, e porque  as mulleres teñen que pasar por moitos obstáculos que as fan desistir antes de chegar ao xuízo. Isto, engadido á situación de medo e estrés agudo, que moitas  veces conleva a retirada da denuncia, por non decir da situación de dependencia sicolóxica que está presente na maioría dos casos.

Por outra banda, os fiscais de malos tratos de Valencia, nos catro anos de funcionamento dos xulgados especializados, de entre 15.000  denuncias por malos tratos atoparon só en dúas indicios de ser falsas, menos dos que se atopan en denuncias comúns, que é onde se dá o maior número deste tipo de denuncias.

Polo tanto, estamos de celebración, pois xa podemos defendernos mellor, conseguíuse desmontar unha farsa machista, o que nos libera un pouquiño máis a todas as mulleres.

Marmurar, marmuradores. E as medusas, ao mar.

Eva Cañizares Alvarez

Deja un comentario

Archivado bajo Education, Eva Cañizares Alvarez, feminism, Galego, Urban Culture

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s